A santiaguesa da Selección de Galicia impúxose na carreira en liña ao día seguinte de adxudicarse o título de contra o reloxo individual
Alejandra Neira é a indiscutible raíña cadete dos Campionatos de España de Escolares 2024 que se disputan na cidade asturiana de Avilés. Menos de 24 horas despois de conquistar a coroa de contra o reloxo individual (CRI), a corredora da Selección de Galicia venceu na carreira en liña. A santiaguesa bateu na recta final, nas inmediacións do Centro Niemeyer, a Lidia Castro (Castilla y León) con quen protagonizou un vibrante man a man.
O percorrido de 51,7 quilómetros estaba ateigado de pequenas subidas e unha vez atravesado o ecuador da proba Alejandra Neira e Lidia Castro, as dúas primeiras clasificadas a véspera na CRI, distanciáronse do resto de ciclistas. Aínda que a castelá - leonesa chegou a descolgar á galega, a actual líder da Copa de España refíxose para volver situarse a súa altura e nos últimos 15 km resistiu todos os cambios de ritmo que realizou a súa rival. O triunfo xogouse ao esprint e a corredora que pertence ao Cambre impuxo a súa punta de velocidade.
Cun tempo de 1 hora 28 minutos e 4 segundos, Alejandra Neira ergueu os brazos na chegada e, deste xeito, sumou a súa terceira medalla como cadete nos Campionatos de España Escolares tras a prata acadada o ano pasado na CRI. O terceiro chanzo do podio ocupouno Naia Torrent (Catalunya), rematando a 23” da gañadora. A continuación, a 34”, finalizou un grupo de catorce unidades no que a galega Irene Signo conseguiu a décima praza. Á vitoria da representante do combinado dirixido por Jacobo Ucha tamén contribuíron co seu esforzo Ivet Ivanova, Xiana Mardaraz e Inés Santalla.
Cadetes masculinos e carreiras infantís
Sobre a mesma distancia celebrouse a proba de fondo cadete masculina. Rodrigo García asinou o mellor resultado de Galicia, concluíndo 34º. Nicolás Puga e Anxo Delgado, 46º e 61º respectivamente, foron os outros ciclistas da Selección de Breogán que cruzaron a liña de meta e o quinteto galego completárono Xian Rodríguez e Lucas Blanco.
A categoría infantil entrou en escena en Avilés coas carreiras en liña. Os 19,6 km da competición feminina resolvéronse nun esprint masivo no que Vega Aldrey fixo décimo sexta e encabezou a actuación do equipo da Federación Ciclismo Galego. Antía Torres acabou décimo novena; Carla Ballester, 31ª; e Leire García, 35ª. O mesmo tipo de desenlace viviuse na proba masculina, con Aarón Rodríguez 20º clasificado, Álvaro Iglesias 25º, Iván López 38º e Adrián Vilanova 51º.
Os Campionatos de España Escolares pecharán a súa edición do 2024 este sábado coas xincanas infantís e as carreira de BTT, na especialidade de cross country, para infantís e cadetes.